Hoxe queixos, o gusto polo noso

Cooperativa HOXE S.C.Galega é unha sociedade agraria e gandeira de carácter cooperativo fundada no ano 1971 por gandeiros e agricultores que tendo intereses comúns uníronse para crear unha sociedade mercantil de carácter social para poder comercializar de forma conxunta a súa produción de leite transformándoa noutros produtos lácteos que lles puidese achegar valor engadido ás súas explotacións familiares.

A principios dos anos 80 constrúense as actuais instalacións en Prado-Lalin e decídese transformar o leite das súas ganderías en produtos elaborados (iogur, leite pasterizada, preparados lácteos e queixos) pechando o ciclo de produción en Galicia.

COOPERATIVA QUEIXOS HOXE

Ao longo dos anos a cooperativa do mesmo xeito que outras moitas sociedades mercantís de interese social do sector lácteo galego sufriu a inestabilidade do sector lácteo galego e por tanto dificultades diversas, na actualidade recuperou a estabilidade económica e social.
A partir dos anos 90 elaboramos só queixo, transformando o leite de máis de 100 explotacións agrarias galegas da comarca do DEZA (concellos de Lalin, Silleda, Vila de Cruces, A Golada, Rodeiro e Dozon) e dalgún concello limítrofe como Arzua ou Forcarei.

Campos de Silleda

Son por tanto, explotacións gandeiras galegas familiares propias axudadas polos nosos servizos de veterinarios na adecuación das súas instalacións e na mellora da súa produción de leite. Os nosos gandeiros dispoñen de explotacións agrarias pequenas ou medianas de carácter familiar que realizan pastoreo durante boa parte do ano como base fundamental da súa alimentación natural con pastos de herba e forraxes.
As nosas instalacións actuais son unha quesería situada en Prado-Lalin onde transformamos sobre 40 mil litros diarios de leite que recollemos todos os días, elaborando máis de 1 millón de quilos de queixo de distintas variedades, queixo tetilla e Arzua Ulloa, queixos de barra galega, queixos cremositos, queixos semicurados, semidesnatados, sen sal, etc.

Hoxe

As nosas marcas comerciais son HOXE, DEZA, A QUEIXEIRA HOXE, NENO, CREMOSIÑO HOXE, LENDAS, PRIORATO DE CARBOEIRO, etc.
Ao ser unha empresa cooperativa de interese social, os traballadores son un valor moi importante na mesma, sendo case na súa totalidade empregos fixos e con condicións laborais razoables e estables.
Case a totalidade dos nosos queixos véndense en Galicia e os principais clientes son supermercados e grandes superficies aínda que tamén temos distribuidores para o servizo en hostalería. Estamos presentes en tendas gourmet de grandes cidades como Madrid e Barcelona, fundamentalmente con queixos de Denominación de Orixe TetIlla e Arzua Ulloa.

Hoxe

Cooperativa HOXE defende outros valores tanto ou máis importantes que os meramente económicos, “para nós transformar a materia prima, o leite, noutros productos lácteos con valor engadido e moi importante porque estamos ofrecendo a moitas galegas e galegos a posibilidade de que poidan vivir dunha actividade agrícola nun mundo tan difícil como o rural. Polo tanto, a nosa aportación a economía social das xentes é moito máis importante que a actividade industrial”, explica o xerente Andión.

Asemade, a queixería mantén un forte compromiso coa Comunidade de Galicia apoiando a cultura galega en diferentes eidos e facendo unha aposta importante polo uso do galego como lingua. A queixería mantén o etiquetado dos seus queixos en galego. Pertencente ao Foro Enrique Peinador, tamén suscribiu a Carta de Consumo Responsable e Solidario asinada polos máis importantes concellos de Galicia, e forma parte tamén da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros.

Por outra banda, e no marco do Plan de Responsabilidade Social Corporativa, HOXE apoia de diversos xeitos a cultura galega dende o patrocinio de probas deportivas e deporte base ou o mecenazgo de publicacións de obras galegas como é o caso de obras de distintos xéneros literarios editadas por Fervenza Edicións.

Hoxe